Scroll to top
© 2024, Fundación Hospital Asilo de Vilalba
Comparte
  • Rúa Plácido Peña, 86 - 27800, Vilalba

Nova identidade corporativa para a nosa Residencia e Centro de Día

Transcendendo os tópicos e o xeito pouco realista de retratar o envellecemento e as persoas dependentes, a Residencia de Persoas Maiores de Vilalba recoñece os aspectos positivos da “terceira idade”. Garante para os seus usuarios e usuarias unha atención chea de confianza e positividade, combinadas coa calor humana, o compromiso e a experiencia. Por ese motivo, aposta pola continua renovación do centro e das terapias ofrecidas, sempre potenciados polo beneficio de vivir nun ambiente familiar e flexible.

No fondo, a Residencia sempre estará entrelazada coa Fundación Hospital Asilo de Vilalba, pero o desexo detrás deste concepto gráfico é que se recoñeza como unha unidade centrada no usuario, completa e independente, entregada ao apoio das familias veciñas con seres queridos que precisen unha atención especializada.

A estreita relación con esta senlleira institución vilalbesa, requiriu dunha solución gráfica capaz de convivir de forma harmoniosa coa imaxe da Fundación, mais tendo sempre a mirada posta en:

  • Modernización permanecendo fieis á esencia
  • Deseño limpo, sinxelo, adaptable e con significado
  • Doada relación con posibles elementos gráficos de futuras áreas e servizos

E é así, tras analizar varios vieiros creativos, que se concibiu un logotipo elegante e adaptable, destacando dous elementos da súa composición: o peso visual da palabra “Residencia” e un símbolo complementario de liñas simples.

Esta configuración en dous bloques diferenciados non é casual, pois preténdese facer foco sobre a Residencia, para que o observador a recoñeza como a peza que ampara todo o que a rodea. Un tamaño superior da tipografía contribúe a acadar ese efecto, arroupado por un trazo de grosor variable e uns espazos en branco a carón das astas dos caracteres. En conxunto, aporta certa elegancia visual e prescinde da rixidez.

O símbolo, construído pola agrupación de catro elementos distribuídos en catro cuadrantes, emprega a mesma táctica dos espazos en branco. Búscase simular un discurso que se expanda de dentro cara afora, facendo alusión aos catro piares da filosofía da Residencia. Para revestilo dunha forma recoñecible a ollos do observador, optouse por traballar a idea en base a un dos elementos decorativos máis recorrentes no interior do edificio: o azulexo.

Para non sobresaturar con información, reduciuse o número de cores empregadas a tan só dúas. Isto tamén atenúa os conflitos de visibilidade, especialmente sobre fondos fotográficos. Pero a recomendación sempre será aplicar o logotipo sobre grandes bloques de cor ou espazos libres, avogando pola estética sinxela e minimalista. Isto non só ofrece claridade de lectura, senón que se aliña perfectamente coas tendencias actuais en deseño. Priman a versatilidade e a flexibilidade. Porén, o logotipo non se limitará á atemporal combinación de negro e ocre, nin ao emprego exclusivo de símbolo e texto unidos, pois ámbolos dous son elementos que poden actuar de forma independente segundo as necesidades comunicativas.

Un dos primeiros retos respecto da versatilidade, é a capacidade de inspirar solucións gráficas para futuros proxectos da Residencia e convivir con elas de forma coherente. Este é o caso da nova imaxe da Unidade Terapéutica de Alzhéimer, perfectamente integrada coa estética do logotipo principal e que en ningún momento chega a competir con el en termos de peso visual. Iníciase así toda unha liña gráfica que unicamente mudando o símbolo e a cor representativa, permita abranguer aqueles servizos futuros que ofreza a Residencia, co desexo de aportar unha lonxevidade á altura do labor desta institución.

Raquel Vidal Cal